Thursday 16 de May de 2024

Aberta a inscrición para o II Trail Concello de Miño, que terá lugar o domingo 20 de novembro


• A proba foi presentada no Muíño do Boucelo, en Bemantes, un dos lugares máis emblemáticos do percorrido.
• Hai tres modalidades de participación: trail Longo, trail Curto e andaina.
• Este ano o evento apoia á asociación querENDo, mulleres con con endometriose para visibilizar esta enfermidade que padecen máis de 60.000 mulleres galegas.
O II Trail Concello de Miño xa ten data: celebrarase o domingo 20 de novembro. A proba está organizada polo Concello de Miño e o Club Trail Running Galea Sport, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, e as inscricións estarán abertas na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o luns 14 de novembro.
O evento deportivo foi presentado no Muíño de Boucelo, en Bemantes, un dos lugares máis emblemáticos do percorrido. No acto participaron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; o concelleiro de Deportes; Jose Manuel Pantín; e os directivos do Club Trail Running Galea, Juan Díaz e Fernando Sánchez.
Hai tres modalidades de participación: o Trail de longa distancia (29,5 quilómetros, un desnivel positivo aproximado de 1.100 metros e un 95% do trazado son camiños de terra e sendas), o de curta distancia (18,5 quilómetros, un desnivel de 650 metros e un 90% do trazado son camiños de terra e sendas) e a andaina (10,5 quilómetros , cun desnivel de 300 metros e que discorre un 70% do trazado por camiños de terra e sendas).
Apartado solidario
A proba está aberta a todas as persoas que desexen participar, xa sexan atletas federados ou non, e o seu carácter será popular. Ademais, este ano a asociación querENDO, mulleres con endometriose forma parte da carreira co obxectivo de visibilizar esta enfermidade que padecen máis de 60.000 mulleres galegas. Previamente á celebración do Trail, e o mesmo día, realizaranse actividades dentro da campaña ‘Trail Miño 2022 pola endometriose’ e na meta instalarase un punto de información.
Por tanto, na páxina web www.carreirasgalegas.com existirá a posibilidade de inscribirse co ‘Dorsal 0’, a través da que se poderá facer un donativo sen necesidade de participar na carreira. A recadación do dorsal 0 irá destinada integramente á organización querENDO.